Un ano máis o Cra Amencer participa no Plan Proxecta.
O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.
Hai ata 41 programas, decidimos participar no PDC: Proxectos de vida activa e deportiva. Este programa pretende axudar os centros docentes a elaborar o seu proxecto deportivo de centro / vida activa e saudable abordando a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade a través do incremento, dentro e fora do horario lectivo, da carga real de actividade física que realiza o alumnado. Este programa unifica todas as modalidades existentes en cursos anteriores, xa que de forma individual estes programas eran ferramentas que debían estar integradas nun proxecto de vida activa e saudable dun centro educativo.
O programa "Proxectos de vida activa e deportiva - PDC" desenvolve os contidos aplicables ao ámbito educativo que conteñen os seguintes textos legais:
- Plan Galego para o fomento da Actividade Física Galicia Saudable
- Plan integral para a actividade física e o deporte en idade escolar/ O centro escolar promotor da actividade física e o deporte / O proxecto Deportivo de Centro.
Obxectivo xeral
O obxectivo do programa é a actuación do centro como dinamizador e promotor de hábitos de vida activa e saudable, rentabilizando os recursos existentes no seu ámbito de influencia (públicos e privados). Buscamos que o 100% das alumnas e alumnos reciban información e asesoramento de como incorporar no seu día a día, tanto no horario lectivo coma non lectivo, actividade física, exercicio físico ou deporte como hábito de vida saudable, así como incrementar na súa estadía no centro a práctica de actividade física de calidade.
Identificar todas as actuacións que realiza o centro para promover a vida activa e saudable. Os centros participantes contarán cun modelo de rexistro para facilitar esta tarefa, contemplando os seguintes escenarios (fóra do centro e do horario lectivo, dentro do centro e do horario lectivo, fóra do centro e dentro do horario lectivo, dentro do centro e fóra do horario lectivo) que deberan entregar anexo coa memoria final.
O obxectivo final será entón o de loitar contra o sedentarismo, creando hábitos que perduren fora do centro escolar e ao longo de toda a vida, dende a infancia ata a vellez.
Obxectivos específicos
- Integrar a filosofía do programa dentro do centro educativo (claustro, consello escolar, comunidade educativa, programa educativo, plan anual).
- Incrementar a carga de actividade física diaria realizada polo alumnado dentro do horario lectivo.
- Estruturar e ordenar todas as posibilidades ao alcance do centro educativo para fomentar na comunidade educativa a necesidade de levar unha vida activa, elaborando mapas de recursos existentes ao alcance da comunidade educativa.
- Dinamizar e promover hábitos de vida activa e saudable, rentabilizando os recursos existentes no seu ámbito de influencia (públicos e privados).
- Informar e asesorar ao 100% da comunidade educativa de como incorporar, no seu día a día, tanto no horario lectivo coma no non lectivo, actividade física, exercicio físico ou deporte como hábito de vida saudable.
- Incrementar no centro educativo a práctica de actividade física, exercicio físico e deporte.
- Valorar a condición física para a saúde do alumnado como método de avaliación e seguimento das accións propostas dentro do programa, tanto neste curso escolar coma nos vindeiros anos.
- Dar a coñecer á comunidade educativa, a través dun blog, web do centro etc. de todas as accións que se realizan no marco da participación neste programa e como medio dinamizador dos obxectivos do mesmo. Será obrigatorio incorporar o logo do proxecto á paxina web do centro para a difusión das actividades.
Loitar contra o sedentarismo e os hábitos non saudables.
- Traballar hábitos de vida saudable co alumnado participante.
- Utilizar novas tecnoloxías para o seguimento da saúde (DAFIS)
- Coñecer a cantidade mínima de exercicio físico que se debe realizar dentro de cada grupo de idade para levar unha vida activa e saudable.
Modalidades
- Participación nalgunha das submodalidades existentes no deporte escolar.
- Actividade deportiva escolar
- Actividade deportiva federada
- Coñece o meu club
- Actividade lúdica
- Educación, deporte e valores
- Xogos populares
- Traballar na mellora da condición física saudable do alumando aproveitando a participación en Xogade.
- Traballar de forma transversal os contidos da actividade física diaria e hábitos saudables (alimentación, hixiene, condutas nocivas -alcol, tabaco, sedentarismo asociado a pantallas-).
Móvete+.
Fomentar a actividade física a través de actividades con música e movemento.
Traballar de forma transversal os contidos da actividade física diaria e hábitos saudables (alimentación, hixiene, condutas nocivas -alcol, tabaco, sedentarismo asociado a pantallas-).
Máis e Mellor Actividade Física (MMAF)
Traballar de forma compartida con outras materias (CCNN/CCSS,Matemáticas, Música, etc) impartindo contidos curriculares comúns ou propios a través da actividade física.
Incrementar a carga de actividade física lectiva do alumnado.
Traballar de forma transversal os contidos de actividade física diaria e hábitos saudables (alimentación, hixiene, condutas nocivas -alcol, tabaco, sedentarismo asociado a pantallas-).
Obxectivos específicos
PARA O ALUMNADO
- Adquirir a necesidade de levar unha vida activa e saudable sendo conscientes dos beneficios / prexuízos dunha vida activa / sedentaria e sendo capaces de actuar de dinamizadores na súa contorna máis próxima (familia e grupos de amizade).
- Coñecer todos os recursos existentes na súa contorna para levar unha vida activa e saudable.
- Empregar ferramentas dixitais para a dinamización e proxección do proxecto á comunidade educativa (edicións de webs, blog, redes sociais, mapas dixitais, aplicacións de medición de rutas etc).
PARA O PROFESORADO
- Potenciar o traballo en equipo e a iniciativa persoal coordinada co profesorado e integrando a participación da comunidade escolar e local no desenvolvemento do proxecto (pais, veciños etc).
- Incentivar a autonomía persoal do alumnado dentro do proxecto facéndoo partícipe nas tomas de decisións para levar a cabo as distintas actuacións e actividades propostas.
- Publicar e difundir na rede os mellores proxectos.
PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA
- Integrar a filosofía do programa dentro da liña educativa do centro (SOMOS UN COLEXIO ACTIVO E SAUDABLE), traballando de forma transversal os obxectivos do mesmo.
- Difundir información sobre vida activa e saudable.
- Implicar os distintos axentes sociais (familias, técnicos municipais, policía local, asociacionismo, colectivos de usuarios...) na promoción dun estilo de vida activo.
- Promover unha sociedade máis activa e saudable de forma integradora e non excluínte.
Metodoloxía recomendada
O profesorado servirá de guía no proceso de adquisición de coñecementos. O alumnado responsabilizaras, dentro das súas capacidades, da execución dos distintos proxectos.Valorarase positivamente que o alumnado planifique, execute e avalíe a intervención para conseguir os obxectivos de ser un CENTRO ACTIVO E SAUDABLE.
.
Comentarios
Publicar un comentario